martes, 2 de xullo de 2013

Os compañeiros de El Ideal Gallego e DXT Campeón, coa plantilla de La Voz

O comité de empresa de El Ideal Gallego e o DXT Campeón quere mostrar a a súa solidariedade cos compañeiros de La Voz de Galicia, pola actitude que a empresa está mantendo cara a plantilla, non só polos desproporcionados recortes salariais que pretende acometer, senón tamén polos despidos que ven executando nos últimos meses e as modificacións laborais que cargan de máis responsabilidade aos traballadores.

Dende El Ideal Gallego e o DXT criticamos á dirección do que se vangloria de ser o primeiro xornal de Galicia, pero que non trata á súa plantilla coma xornalistas e traballadores de primeira. Pese a que periodicamente nas súas páxinas asegura estar mantendo os lectores pese a crise, pretende espremer aos empregados e descolgarse do convenio firmado entre ambas partes e no que xa se aceptaba unha rebaixa salarial inicial. La Voz de Galicia debería ser o xornal que dese exemplo ao resto e mantivese en condicións laborais dignas aos seus asalariados.

Por todo iso, este comité anuncia xa que secundará a manifestación prevista para o domingo 7 de xuño en favor dos compañeiros da Voz e, en xeral, de todo un sector, o xornalístico, que se está vendo especialmente danado pola crise, pero que por solidariedade entre a patronal, non sae nos medios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario