martes, 2 de xullo de 2013

O Colexio de Xornalistas respalda aos traballadores de La Voz Galicia ante as rebaixas salariais que quere impor a empresa

[01/07/2013] O persoal de La Voz de Galicia mantén un conflito coa empresa, que se concretará en medidas de protesta como unha manifestación de traballadores, extraballadores e familiares o vindeiro domingo día 7 de xullo na cidade da Coruña e a convocatoria de folga para o 10.

Estas accións, inéditas na historia máis que centenaria do xornal, son proba da diferenza de posturas entre as partes.

A empresa pretende aplicar a un cadro de persoal que supera os 350 traballadores unha baixa do 15 % sobre os salarios base e do 66 % nos complementos (unha parte sempre importante nas nóminas dun medio de comunicación) durante o 2013. E non descarta acometer novos retallos o seguinte exercicio. Todo para garantir a continuidade do grupo.

Sen embargo, os traballadores argumentan que eles xa fixeron abondo a súa contribución para contrarrestar a crise: en 2009 aceptaron unha conxelación salarial a cambio dun compromiso de estabilidade no emprego que non se cumpriu, e dous anos despois aceptaron unha modificación do convenio colectivo que implicaba novos despedimentos. Entre 2008 e 2012, os gastos de persoal baixaron un 34,5%, e hai 187 postos de traballo menos. A dirección, segundo o comité de empresa rexeitou unha contraproposta de recortes vinculados a unha garantía clara de mantemento de emprego (de que non se van a utilizar os cartos que se aforren agora para despedir máis adiante). E todo isto mentres as contas oficiais da empresa revelan un beneficio de medio millón de euros despois de impostos.

A Xunta de Goberno do CPXG mostra a súa preocupación pola situación laboral dos traballadores de La Voz de Galicia, aos que expresamente quere respaldar no seu posicionamento, e sinala que a forma de afrontar a crise non é empeorando a calidade das redaccións, e polo tanto, do produto informativo.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2013
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Ningún comentario:

Publicar un comentario